A memoria da raia

Un documental de Miriam González Francisco e Iris Justo Rodríguez

"A memoria da raia" recolle aqueles recordos situados na fronteira galego portuguesa sobre a vida daquelas persoas que viviron tempos pasados difíciles

A “memoria da raia” é a procura do noso pasado, a busca dunha historia pouco explorada na que converxen o contrabando, política, o nacionalismo, a guerra e a irmadade dun único pobo separado por unha liña imaxinaria.

O amor pola nosa terra, por esa Galicia indefinida que se extende dende o sur de Ourense ata o norte de Tras-os-Montes, foi a principal motivación que nos levou a investigar as raíces da “Raia” a través dos testimonios dos seus protagonistas.

Cámaras en man, e sen contar con axudas económicas, percorremos aqueles camiños hoxe abandonados, pero que foron testemuñas do peso do contrabando, do medo dos refuxiados que fuxían dunha guerra atroz, das carreiras para escapar da garda civil ou da garda portuguesa...

 

Tras esta aventura que comezamos no verán de 2016 fomos aprendendo a ser conscientes da natureza da nosa pequena patria, das nosas peculiaridades, de todos aqueles aspectos que nos fan únicos e que é preciso por en valor para dalgún modo chegar a comprender quen somos os raianos.

Agora queremos compartir con vos o noso traballo a través das imaxes e das palabras para que a nosa memoria non esqueza a aqueles homes e mulleres que antes de ser de Galicia ou de Portugal son da Raia.